Saltar ao contido
A tenda abre moi pronto
← Volver a Pelos no sofá
Pequenos mamíferos

Cobaias friorentas: prepara o seu recuncho para o outono

As cobaias non levan ben nin o frío nin os cambios bruscos de temperatura. Pequenos axustes no seu recinto para que pasen o outono quentiñas, secas e felices.

Cobayas frioleras: prepara su rincón para el otoño

As cobaias son pura tenrura con patas curtas: falan con asubíos, emociónanse cando oen a bolsa do feo e agáchanse en canto algo as inquieta. O que non levan ben son os extremos: nin a calor intensa nin o frío nin as correntes de aire.

Se vive fóra, pénsao dúas veces

Se as túas cobaias pasaron o verán nunha terraza ou nun balcón, coa chegada do frío é bo momento para pensar en metelas dentro da casa. As noites de outono poden ser frescas e húmidas, e pásano mal coa humidade e os cambios de temperatura.

Se non é posible, o recinto debe estar protexido do vento, da choiva e da humidade, elevado do chan e con zonas de refuxio ben illadas. Ante calquera dúbida, pregúntalle ao teu veterinario.

Dentro da casa, o sitio xusto

  • Lonxe de ventás con correntes e de portas que dan á rúa.
  • Non pegado a radiadores nin estufas: o exceso de calor tamén as prexudica.
  • Nunha estancia onde haxa vida, porque son sociables, pero sen ruídos fortes.
  • Elevado do chan se este é moi frío, por exemplo cunha base ou mesa estable.

Cama seca e agochos quentiños

A clave no outono é que o leito estea sempre seco. A humidade é máis daniña có frío en si. Usa un substrato absorbente, engade unha boa capa de feo e cambia a miúdo as zonas molladas.

  • Casiñas ou túneles onde poidan refuxiarse, un por cobaia para evitar liortas.
  • Camas mulidas de tea pensadas para pequenos mamíferos, que se lavan con facilidade.
  • Feo abundante: sérvelles de comida e de manta.
  • Limpeza frecuente para evitar humidade e malos cheiros.

A súa compañía e a súa saúde

As cobaias son animais moi sociais e séntense máis seguras en compañía doutras cobaias. Acurrunchadas tamén se dan calor.

A súa alimentación debe basearse en feo de calidade, penso específico para cobaias e verdura fresca axeitada. Como non fabrican vitamina C por si mesmas, necesítana na dieta: o teu veterinario indicarache como asegurala.

Se ves que unha cobaia está apática, co pelo arrepiado, esbirra, ten secrecións ou deixa de comer, vai canto antes ao veterinario.

En Petuki tes casiñas, camas de tea, túneles e accesorios para que as túas cobaias pasen o outono no seu recuncho máis acolledor.